Como todos sabemos, a temporada pasada tivo lugar o descenso do “noso” Club Deportivo Ourense a terceira división. Non vive tempos moi bos – a nivel estatal – o noso fútbol, pois dende aquel mítico CDO na segunda A española, a cousa non fixo máis que ir cara abaixo; desgraciadamente. Xa nin sequera temos representantes na categoría de bronce, aínda que ben dariamos un pulo – se puideramos – a Verín e CDO para que cambien esta situación. Que así sexa.

Porén, a arbitraxe da nosa provincia vive o mellor momento da súa historia, contando co primeiro ourensán internacional da historia ; Bernardino González Vázquez. Un exemplo para nós, a Bernar nunca se lle ocorreu mirarnos por riba do ombro ou dicirnos unha palabra máis alta ca outra. Xa ten arbitrado bastantes partidos da Copa da UEFA, algunha Previa da Champions League; e mesmo unha final de Mundial Sub-17.

Pero non é Bernardino o único internacional da provincia de Ourense. Na nosa delegación, contamos con oito colexiados que en xaneiro se propuxeron ir a Noruega a arbitrar a Norway Cup, e nón só acabaron en Oslo -previo paso por Londres; senón que tamén se pasearon por terras danesas. Aalborg, Oslo, Furuset, Norhalne… son só catro exemplos de cidades ou vilas que puideron visitar durante a súa viaxe por Escandinavia.

Podémosvos asegurar e que o fútbol do norte de Europa é moi diferente ao que nós vivimos aquí, e iremos contando detalles nesta nova “sección” do noso blog: Ourense paséase por Europa.

Un saúdo!